PARROQUIA VALEIXE


SANTA CRISTINA, VALEIXE



   Ata finais do século XVIII a parroquia de Valeixe era extensísima, abarcando o que hoxe son as parroquias de A Cañiza e O Couto. A Cañiza rematou o seu proceso de desmembración no ao 1815, logo dun longo proceso de independización. Pola súa banda, O Couto separouse de Valeixe 1799. Así e todo, a parroquia de Valeixe foi, con diferencia a parroquia do Concello que contou historicamente cun maior número de fregueses, só superado pola Cañiza no último censo de 1996.


   No ano 1242, o ilustre cabaleiro D. Xoán Suárez fai doazón do padroado da igrexa de Valeixe ó bispo de tui, don Lucas I. Empezouse a construí-la igrexa na segunda metade do século XIII. A súa torre desmoronouse a principios do século XX, sendo reconstruída en estilo diferente no ano 1908. O reloxo da súa fachada foi instalado no ano 1909, sendo doazón de Carmen Araújo Gómez.


   O edificio chama a atención pola súa esbelteza, cun alto campanario de dous corpos superpostos, de base cuadrangular, o seu perfecto estado de conservación e os elementos distintivos da súa fachada principal onde destacan dúas altas ventás, un gran escudo central e o reloxo situado na súa parte superior.

PATROA: SANTA CRISTINA

Virxe e mártir: Festa o 24 de Xullo

Martiroloxio Romano: En Bolsena, cidade da Toscana, santa Cristina, virxe e mártir (s. inc.) 
Etimoloxicamente: Cristina = Aquela que segue a Cristo, é de orixe latina.

Naceu en Toscana, na marxe dereita do lago Bolsena, nunha vila frecuentemente sacudida por elementos naturais e ao mesmo tempo transformada por diversas culturas no transcurso do tempo. Cristina é a filla de Urbano, gobernador pagán da rexión e presentado polos libros antigos como inimigo acérrimo dos cristiáns. A nena afeccionouse dende pequena a aquilo que contan dese Cristo tan perseguido e maltratado; a curiosidade primeira cámbiase en pensamento cando descobre que son moitos os cristiáns xulgados polo seu pai e condenados porque son fieis dispostos a dar a vida polo seu ideal. Crece máis e máis a súa simpatía pola fe cristiá e ás agachadas busca datos dunhas señoras cristiás; instrúena e fórmana; bautízase en segredo e toma o nome de Cristiá.

Entre xogo e travesura formal fixo algo que enfadou moito ao seu pai e será o motivo que a leve ao martirio; non se lle ocorreu outra cousa que apañar as figuras de ídolos que o seu pai sempre conservou con esmero, case como un patrimonio familiar, e esnaquizounas e deu o rico material de que estaban feitas aos pobres para remedio da súa necesidade.

O pai descubriu a súa condición e cheo de ira, ao notar a rebeldía da nena, trátaa con peores modos que aos demais cristiáns. "Non se ha de dicir no mundo que unha nena me deu a lei, nin que estes feiticeiros de cristiáns triunfan dos nosos deuses no medio da miña propia familia. Eu verei se os seus feitizos poden máis que os meus tormentos e se a paciencia dunha filla ha de facer burla da cólera dun pai". O gobernador manda usar con ela azoutes e garfios admirándose de que Cristina persista na súa actitude. Manda o desnaturalizado pai preparar un braseiro ardente para queimala aos poucos; mais o braseiro fíxose unha fogueira que abrasou aos verdugos e aos curiosos próximos. Meteuna no cárcere para que cambiara pola lobreguez da mazmorra, a escuridade e a fame; pero alí é consolada con luminosas aparicións de anxos que lle curan as súas feridas e prométenlle protección. O pai, aos poucos días, manda atarlle ao pescozo unha pesada pedra e botala ao lago; pero con todo, un anxo transpórtaa á beira. Esa noite morre dun sufoco Urbano na súa cama.

Mandan as autoridades un novo gobernador que se sente estimulado a proseguir o asunto de Cristina dicindo que o seu pai, por pai, non soubo liquidalo. Chámase Dión e xa pensa en novas crueldades: estanque de aceite fervendo mesturado con peixe do que a nena Cristina é liberada. Logo mándaa levar ao templo de Apolo para obrigarlle a ofrecer sacrificio, pero, ante o asombro de todos, o ídolo derrúbase e faise po ante o mesmísimo gobernador que morre no acto. Finalmente os verdugos e miles de testemuñas presenciais proclaman espantados que é o de Cristina o único Deus!

O terceiro dos gobernadores poderosos chámase Xuliano, quen, preocupado polo caso pendente, estudouno con detemento chegando á conclusión de que se trata de artificios, encantamentos e maxia que tódolos cristiáns profesan. Por iso maquina novos procedementos para facer desistir á nena Cristina das súas pertinaces rebeldías e conseguir que o poder romano e os deuses propicios terminen coa situación que puxo ao borde do caos á rexión. Mandou preparar un forno aceso onde mete á nena para que o lume a consuma; sete días tena alí sen conseguir que lle suceda dano algún. Logo será unha habitación escura infestada de serpes, víboras e escorpións velenosos, da que sae indemne e sen ningunha picadura, cantando encomios a Deus; a desesperación do mandatario chegou entón ao extremo de decretar cortarlle a lingua, pero ¡oh, prodixio! agora canta máis forte e mellor.

E acode toda a comarca ante a contemplación evidente do triunfo que se comenta por todas partes da debilidade cristiá ante a fortaleza e brutalidade romana. Abonda un tronco caído onde atan á delicada nena para que as saetas atravesen o seu corpo e ela decida, suplicándolle ao bo Deus, renderlle o seu espírito co martirio.

Din que os seus restos se trasladaron de Toscana a Palermo de Sicilia onde é reverenciada
.

Verosímil? Parece máis ben coma se a vida e a morte martirial de Cristina servise de modelo para expresar a confrontación entre o ben e o mal, ou o que é o mesmo, entre fe cristiá e paganismo, entre a fráxil nena Cristina e a personalidade experimentada e abafadora de tres homes de goberno sucesivos -o primeiro o seu propio pai- co mesmo común empeño de demostrar que eles poden máis. Parece coma se tratásese de exaltar en Cristina aquilo que debe ser real en todo cristián -a fe no seu Cristo e a confianza sen límite na súa axuda constante-, mentres que os gobernadores representan a obstinación cega que rexeita o poder cada vez máis evidente, como “in crescendo”, de Deus.
 

Os verdugos e o pobo serían as testemuñas que na narración van testificar coas súas reaccións -esas que se intúen cheas de emoción compasiva- onde está a verdade e o grande que é o poder de Deus. Dá a sensación de que a “Passio” que narra a morte de Cristina tenta tamén cargar motivos veterotestamentarios onde parecen inspirarse algúns feitos que se narran.

O feito histórico do martirio sería a ocasión que motiva a ampla catequese. De todos os xeitos, estas consideracións máis parecen próximas ao labor pasado dos bolandistas; pero, no caso de que fosen os feitos tal como expresa a “Passio”, quedaríanos o resaibo de gozar o aroma estraño que desprende a fidelidade do débil ás esixencias amorosas divinas que non entenden de idades e que perduran máis aló da morte.


RETABLO INTERACTIVO

VER: RETABLO LATERAL DEREITO
VER: RETABLO LATERAL ESQUERDO
LOCALIZACIÓN XEOGRÁFICA 


Ver Santa Cristina de Valeixe en un mapa más grande
CÓDIGO QR