PARROQUIA O COUTO

SAN BARTOLOMÉ, O COUTO



 Na lingua do noso país, esta parroquia recibe o nome de Couto por razón de que antigamente era "Coto Redondo" con xustiza ordinaria para o contencioso.A igrexa parroquial do Couto construíuse en 1784 e o seu cemiterio, o lado, pero ben delimitado do espazo da igrexa, en 1902.

Edificación sobria, destaca na súa fachada principal por unha imaxe de San Bartolomé colocada nunha enmarcada capela enriba da porta de acceso, e polo campanario, con dous corpos superpostos, o primeiro de planta cuadrangular e rodeado dunha vistosa balaustrada de pedra e o segundo de planta octogonal, pechado e coroado por unha bóveda e unha cruz de ferro.

O que hoxe é parroquia do Couto formou parte antigamente da de Valeixe, da que quedou desvinculada a finais do século XVIII, no ano 1799, pasando durante un tempo a ser anexa á parroquia de Vilar, do Concello de Crecente, por consideralo o bispo don Xoán García máis cómodo para cumprir os cultos os seus veciños. Este decreto de separación foi sancionado polo rei Carlos IV o 9 de Xaneiro de 1800. Logo convertiuse en parroquia totalmente independente.

PATRÓN: SAN BARTOLOMÉ 





Martiroloxio Romano: Festa de san Bartolomeu, apóstolo, ao que xeralmente se identifica con Natanael. Nacido en Caná de Galilea, foi presentado por Felipe a Cristo Xesús nas proximidades do Xordán, onde o Señor o convidou a seguilo e o agregou aos Doce. Despois da Ascensión do Señor, é tradición que predicou o Evanxeo na India e que alí foi coroado co martirio (s. I) 
Etimoloxicamente: Bartolomeu = fillo de Tolomé (Bar =fillo. Tolomé = “cultivador e loitador”).

A este santo (que foi un dos doce apóstolos de Xesús) pintábano os antigos coa pel nos seus brazos como quen leva un abrigo, porque a tradición conta que o seu martirio consistiu en que lle arrincaron a pel do seu corpo,estando el aínda vivo.

Parece que Bartolomeu é un sobrenome ou segundo nome que lle foi engadido ao seu antigo nome que era Natanael (que significa "agasallo de Deus") Moitos autores cren que o personaxe que o evanxelista San Xoan chama Natanael, é o mesmo que outros evanxelistas chaman Bartolomeu. Porque San Mateo, San Lucas e San Marcos cando nomean ao apóstolo Felipe, colócanlle como compañeiro de Felipe a Natanael.

O día en que Natanael ou Bartolomeu se atopou por primeira vez a Xesús foi para toda a súa vida unha data memorable, totalmente inesquecible. O evanxeo de San Xoan nárraa da seguinte maneira: "Xesús atopouse a Felipe e díxolle: "Sígueme". Felipe atopouse a Natanael e díxolle: "Atopamos a aquel a quen anunciaron Moisés e os profetas. É Xesús de Nazaret". Natanael respondeulle: "É que de Nazaret pode saír algo bo?" Felipe díxolle: "Ven e verás". Viu Xesús que se achegaba Natanael e dixo del: "Aí tendes a un israelita de verdade, en quen non hai engano". Natanael preguntoulle: "Dende cando me coñeces?"

 Respondeulle Xesús: "antes de que Felipe te chamara, cando ti estabas alá debaixo da árbore, eu xa te vin". Respondeulle Natanael: "Mestre, Ti es o Fillo de Deus, Ti es o Rei de Israel". Xesús contestoulle: "Por dicir que te vin debaixo da árbore, crees? Asegurouche que verás aos anxos do ceo baixar e subir ao redor do Fillo do Home." (Xn. 1,43 ).
Felipe, o primeiro que fixo ao experimentar o enorme gozo de ser discípulo de Xesús foi ir convidar a un gran amigo a que se fixese tamén seguidor de tan excelente mestre. Era un facho que acendía a outro facho. 

Pero o noso santo ao ouvir que Xesús era de Nazaret (aínda que non era dese pobo senón de Belén, pero a xente cría que nacera alí) estrañouse, porque aquela era unha das máis pequenas e ignoradas aldeíñas do país, que nin sequera aparecía nos mapas. Felipe non lle discutiu á súa pregunta pesimista senón soamente lle fíxo unha
proposta: "Ven e verás que gran profeta é!"

E axiña que como Xesús viu que o noso santo se lle achegaba, dixo del un eloxio que calquera de nós envexaría: "Este se que é un verdadeiro israelita, no cal non hai engano". O novo discípulo admírase e pregúntalle desde cando o coñece , e o Divino Mestre engádelle algo que lle vai a conmover: "Alá, debaixo dunha árbore estabas a pensar que sería da túa vida futura. Pensabas: Que quererá Deus que eu sexa e que eu faga? Cando estabas alá neses pensamentos, eu estábate observando e vendo o que pensabas". Aquela revelación impresionouno profundamente e convenceuno de que este si era un verdadeiro profeta e un gran amigo de Deus, e emocionado exclamou: "Mestre, Ti es o fillo de Deus! Ti es o Rei de Israel!” Marabillosa proclamación! Probablemente estaba a meditar moi seriamente alá abaixo da árbore e pedíndolle a Deus que lle iluminase o que debía de facer no futuro, e agora vén Xesús a dicirlle que lle leu os seus pensamentos. Isto convenceuno de que se atopaba ante un verdadeiro profeta, un home de Deus que até lía os pensamentos. E o Redentor engadiulle unha noticia moi afagadora. Os israelitas sabíanse de memoria a historia do seu antepasado Xacob, o cal unha noite, desterrado da súa casa, durmiuse xunto a unha árbore e viu unha escaleira que unía a terra co ceo e cheas de anxos que baixaban e subían por esa escaleira misteriosa. Xesús explica ao seu novo amigo que un día verá a eses mesmos anxos rodear ao Fillo do Home, a ese salvador do mundo, e acompañalo, ao subir glorioso ás alturas.

Dende entón o noso santo foi un discípulo incondicional deste enviado de Deus, Cristo Xesús que tiña poderes e sabedoría do todo sobrenaturais. Cos outros 11 apóstolos presenciou os admirables milagres de Xesús,escoitou os seus sublimes ensinos e recibiu o Espírito Santo en forma de linguas de lume.

O libro moi antigo, e moi venerado, chamado o Martiroloxio Romano, resume así a vida posterior do santo de hoxe: "San Bartolomeu predicou o evanxeo na India. Despois pasou a Armenia e alí converteu a moitas xentes. Os inimigos da nosa relixión o martirizaron quitándolle a pel, e despois cortáronlle a cabeza".

Para San Bartolomeu, como para nós, a santidade non se basea en facer milagres, nin en cegar a outros con fazañas extraordinarias, senón en dedicar a vida a amar a Deus, a facer coñecer e amar máis a Xesucristo, e a propagar a súa santa relixión, e en ter unha constante caridade cos demais e tratar de facer a todos o maior ben posible.
A Festa celébrase o 24 de Agosto.

RETABLO INTERACTIVO



LOCALIZACIÓN XEOGRÁFICA

Ver Igrexa San Bartolomé, O Couto en un mapa más grande
 CÓDIGO QR